Wednesday 15 de May de 2024

Preto de 4.000 escolares de distintos puntos de Galicia recibirán este mes formación ambiental na xestión sostible dos residuos urbanos


Isto será posible grazas á campaña “Separemos ben, reciclaremos mellor”, impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, coa colaboración de Ecoembes, Ecovidrio e os sistemas integrados de xestión de pilas

A punto de concluír o segundo trimestre do curso académico 2014-2015, preto de 4.000 escolares de ensinanza primaria e secundaria de distintos municipios galegos, serán formados na xestión sostible dos residuos urbanos. De isto encargarase a campaña autonómica “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que está impulsada pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, coa colaboración de Ecoembes, Ecovidrio e os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP).

Grupos de educadores desprazaranse a máis de 40 centros de distintos puntos de Galicia para divulgar as bondades do principio europeo das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e a necesidade de que a cidadanía adopte comportamentos que lle permita levalo á práctica.

Prestarase especial atención á prevención e menor produción de refugallos, apelando ás pautas de consumo responsable e facendo especial fincapé en xestos tales como a elaboración dunha lista previa da compra, a adquisición de produtos a granel e a vixilancia das datas de caducidade dos alimentos.

Fomentarase o máximo aproveitamento dos artigos a través da reutilización co obxectivo de alargar a súa vida útil. E como exemplos, o uso do tradicional carro da compra, prescindindo da utilización indiscriminada de bolsas plásticas non biodegradables, ou ben a elaboración de menús a partir de sobras de comida, evitando que acaben no lixo.

A activa participación no sistema de recollida selectiva implantado en Galicia constituirá outra das prioridades das actividades que se levarán a cabo no ámbito escolar, ensinando cómo separar correctamente os refugallos en orixe, depositando cada tipoloxía no contedor correspondente: amarelo, para os envases de plástico, as latas e os briks; azul, para cartón e papel; iglú verde, para vidrio; contenedor específico para pilas; e verde convencional, para a fracción resto, que Sogama converte en enerxía eléctrica en Cerceda (A Coruña). De esta forma, a entidade cumpre a normativa europea vixente na materia, que antepón a aplicación da estratexia das tres erres.

Tamén se abordarán os beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais da compostaxe doméstica, implantada por Sogama en máis de 140 entidades (concellos, centros escolares e colectivos sociais), repartindo a orde de 4.000 composteiros. Con estes recipientes, os usuarios teñen a oportunidade de fabricar, dunha forma cómoda e hixiénica, o seu propio compost a partir da materia orgánica xerada nas vivendas unifamiliares e que empregarán como elemento fertilizante natural e de alta calidade nas súas hortas e xardíns.

Recursos didácticos e divulgativos
Para levar a cabo o seu labor, os monitores contarán con diversos recursos didácticos e divulgativos de apoio tales como folletos, guías, vídeos e xogos. A pretensión non é outra que sacar a máxima rendibilidade ás xornadas formativas para que os alumnos, ademais de ser instruídos na materia, desempeñen o rol de axentes educativos no seu entorno, levando a cabo u labor pedagóxica vinculado á mellor xestión dos refugallos producidos nos fogares.

Para os escolares destinatarios das distintas actividades haberá regalos e obxectos de merchandising coa fin de estimular o seu interese.